
Tomar o pulso das redes sociais nestes días previos ás eleccións xerais do 29N. Este é o obxectivo dun grupo de 28 estudantes do Grao en Xornalismo impartido na USC que traballan no rastrexo das redes nesta semana previa aos comicios e que este luns 23 seguiu en directo o debate dos portavoces parlamentarios dende a Facultade de Ciencias da Comunicación. Durante o seu transcurso identificaron unha trintena de declaracións que foron verificadas a través do contraste de documentación e fontes abertas.
O estudantado está involucrado no seguimento da campaña electoral para identificar e verificar declaracións e potenciais loiadas (bulos) nos debates e nas redes sociais. Cada peza elaborada está validada por tres persoas (dúas verificadoras e unha editora) antes da súa publicación. O profesor Jorge Vázquez Herrero, coordinador académico do proxecto, sinalou que estamos ante “unha experiencia moi dinámica que nos permite expandir as aulas para contribuír a unha sociedade mellor informada”.
A actividade, que dá continuidade á realizada nas eleccións autonómicas de 2024, enmárcase na materia Documentación xornalística e no programa Verificatón de Newtral, que reúne a máis de 250 estudantes de 15 universidades españolas. Pola súa parte, este medio especializado en fact-checking ofreceu aos estudantes unha formación específica e dará seguimento nunha sesión posterior.
Daniel Rivero, estudante do Dobre Grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual na USC, destacou que a actividade permitiulle “afondar no proceso de verificación que necesita calquera xornalista e participar con Newtral nas nosas primeiras eleccións”. Pola súa parte, María Rey, tamén estudante do Dobre Grao, subliñou que “hoxe é moi fácil atoparse con desinformación e, fronte a iso, a verificación é unha faceta non moi coñecida, así que esta actividade nos axuda a entendela de maneira práctica”.
O proxecto no que participan os estudantes de Xornalismo da USC continuará ata o venres 27 de novembro e rematará con preto de 100 verificacións realizadas durante esta campaña electoral.

