
O CIFP Politécnico de Santiago acolle mañá xoves a primeira xornada de Robota: Cultura robótica, o encontro anual co que a Plataforma Tecnolóxica Española de Robótica (HispaRob) se suma á Semana Europea da Robótica, co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de AllKnow Education. O xoves está dirixido ao profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial.
A Semana Europea da Robótica, impulsada por euRobotics, é a principal campaña europea de divulgación neste ámbito, unha iniciativa que en España coordina HispaRob. A súa xornada estatal celébrase por primeira vez en Galicia e, durante dous días, reunirá no CIFP Politécnico a docentes, investigadores, empresas e servizos públicos para amosar como se usa xa a robótica nas aulas, na industria, no coidado das persoas e nas emerxencias
O xoves, a ONCE, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e catro centros galegos dos Polos Creativos participarán en mesas sobre robótica accesible, intelixencia artificial e innovación educativa, e o profesorado poderá probar recursos en doce obradoiros prácticos.
O venres 27 pola mañá, dirixido a profesionais, contará cunha mostra de robótica en vivo e mesas sobre robótica social e de emerxencias, coa Policía Local de Narón, os bombeiros de Pontevedra e a Universidade de Vigo, ademais da presentación dun proxecto europeo no que participan a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense. A xornada pechará o venres pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, cunha feira gratuíta de robótica aberta ás familias e ao público en xeral.
A Plataforma Tecnológica Española de Robótica, HispaRob, agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. É coordinadora nacional da European Robotics Week, promovida por euRobotics, e membro da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.
Programa deste xoves 26
- 9.00 h. Recepción de asistentes.
- 9.30 h. Benvida. Con Fátima García Doval, xefa do Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP; Ricardo Muñoz, coordinador nacional da European Robotics Week; Ana Puente, de Allknow Education, e José Manuel Carbia, vicedirector do CIFP Politécnico de Santiago.
- 10.00 h. Conferencia inaugural A intelixencia, sempre humana, da tecnóloga Cristina Aranda Gutiérrez, especializada en Dixitalización, Big Data e Intelixencia Artificial. Doutora en Lingüística, é autora de Vidas futuras (Aguilar, 2024) e cofundadora de Mujeres Tech, entidade que promove a presenza de mulleres en diferentes ámbitos do sector dixital.
- 11.30 h. Mesa redonda Tecnoloxía e inclusión: robótica accesible, con Rosa Mª Garrido (ONCE), Lucía Sánchez (CPEE Miguel de Unamuno de Móstoles), Roger Olivella (Sistema THEAD e Scratch Tactile) e Ana Iglesias (Universidad Carlos III de Madrid, Premio Nacional de Discapacidad Reina Letizia 2023). Modera Marisa Lorenzo, mestra de Pedagoxía Terapéutica da Consellería de Educación. A mesa dará a coñecer boas prácticas sobre tecnoloxía e inclusión en distintos ámbitos e comunidades, e abordará cuestións como se é posible unha accesibilidade universal na robótica, que barreiras se observan aínda e cara a onde se dirixe a robótica sen barreiras.
- 12.30 h. Mesa redonda Creatividade en tempos da IA, con Andrea Plaza (Letcraft), Francisco Bellas (Universidade da Coruña), Jaime González (Universidade de Vigo) e María José Sánchez, enxeñeira de Telecomunicación. Modera Jorge Regueiro, director do CIEDix da Consellería de Educación.
- As persoas participantes contarán desde a súa experiencia como introducir a intelixencia artificial nas aulas, cos seus desafíos e vantaxes, e debaterán sobre se unha máquina pode ser creativa, a quen pertencen os dereitos de autor do que crea a IA ou que impacto terá no mercado laboral.
- 13.30 h. Mostra de robótica e obradoiros prácticos por etapa.
- 16.00 h. Mesa redonda Boas prácticas docentes: experiencias innovadoras en Polos Creativos, con Silvia Pérez Madariaga (CEIP Louro, Muros), Gloria Estévez (CEIP Gregorio Sanz, Ribadeo), Reyes Montero (CPI de Atios, Valdoviño) e Sandra Sambade (IES Miraflores, Oleiros). Modera Conchi Fernández Munín, do programa Polos Creativos da Consellería de Educación. A continuación, entrega do Selo de Calidade en Robótica Educativa. A mesa dará a coñecer experiencias que integran metodoloxías STEAM, robótica e aprendizaxe por proxectos, conectan os contidos educativos coa contorna e a cultura e fomentan a creatividade, a inclusión e a aprendizaxe activa.
- 17.00 a 19.00 h. Obradoiros prácticos para docentes, en dúas quendas, e mostra de robótica.

