
Balidea, o Instituto de Investigación en Humanidades e a Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan a mesa redonda IA médica responsable, que terá lugar o vindeiro mércores, 2 de decembro, ás 18.00 horas, na Facultade de Filosofía de Santiago. O encontro enmárcase nunha nova edición do ciclo Filosofía na Rúa, cuxa programación aborda a intelixencia artificial desde distintas perspectivas, entre elas a artística e a médica.
A mesa redonda contará coa participación de Iago Mosquera Fajardo, médico intensivista e representante de Balidea; Julia Ammerman, profesora do Departamento de Dereito Común da USC; Elisa Fernández Rei, directora do Instituto da Lingua Galega da USC; e Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información do SERGAS. O encontro estará moderado por Xavier de Donato, profesor da Facultade de Filosofía da USC.
Segundo informan as entidades organizadoras da mes, esta, desde unha perspectiva multidisciplinar, “abordará as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial no ámbito médico, así como as garantías necesarias para un uso ético, seguro e consciente destas tecnoloxías”.
Experiencia en IA sociosanitaria

Unha das principais áreas de especialización de Balidea é a saúde e o ámbito sociosanitario, onde a compañía con sede en Santiago leva máis de vinte anos habilitando solucións tecnolóxicas que dan resposta a novas necesidades. Conta con proxectos para servizos de saúde de toda España e de ámbito internacional, centrados na dixitalización da xestión e administración de servizos sanitarios.
Dentro do ámbito da saúde dixital, Balidea leva anos impulsando a innovación, especialmente no relativo ao desenvolvemento de asistentes virtuais baseados en grandes modelos da linguaxe (LLMs).
En 2025, Balidea converteuse, da man de AENOR, na primeira empresa do sector tecnolóxico galego e nunha das primeiras a nivel nacional en obter a certificación internacional ISO/IEC 42001, que avala a xestión dos sistemas de intelixencia artificial baixo criterios de seguridade e responsabilidade.
“Este estándar”, lembra a empresa tecnolóxica, “proporciona un marco para xestionar os riscos e oportunidades asociados ao uso da intelixencia artificial e promover o desenvolvemento, a implementación e a xestión responsable destes sistemas”.
A programación completa do ciclo Filosofía na Rúa pode consultarse na web da Universidade de Santiago de Compostela.

