
O CIFP Politécnico de Santiago celebra mañá venres a segunda xornada de Robota: Cultura robótica, o encontro anual de HispaRob no marco da Semana Europea da Robótica. A mañá está dirixida a profesionais da robótica, Bacharelato, Formación Profesional e universidade, e contará coa presenza da directora xeral de Formación Profesional da Xunta, María Eugenia Pérez Fernández, do presidente de euRobotics, Francesco Ferro, e da presidenta de HispaRob, Jorgina Díaz. Pola tarde, o centro abre as súas portas ás familias e ao público en xeral cunha feira gratuíta de experimentación e robótica.

A Semana Europea da Robótica, impulsada por euRobotics, é a principal campaña europea de divulgación neste ámbito, unha iniciativa que en España coordina HispaRob. A súa xornada estatal celébrase por primeira vez en Galicia e, durante dous días, reúne no CIFP Politécnico a docentes, investigadores, empresas e servizos públicos para amosar como se usa xa a robótica nas aulas, na industria, no coidado das persoas e nas emerxencias.

A xornada arrancou hoxe cun día dedicado ao profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial. A tecnóloga Cristina Aranda pronunciou a conferencia inaugural, A intelixencia, sempre humana. Despois, a ONCE, a Universidad Carlos III de Madrid e outras entidades debateron sobre robótica accesible e inclusión, e a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, entre outras, reflexionaron sobre a creatividade e o uso da intelixencia artificial nas aulas.

Pola tarde, docentes de catro centros galegos participantes no programa Polos Creativos da Consellería de Educación da Xunta de Galicia compartirán as súas experiencias e entregarase o Selo de Calidade en Robótica Educativa.

A Plataforma Tecnológica Española de Robótica, HispaRob, agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. É coordinadora nacional da European Robotics Week, promovida por euRobotics, e membro da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.
Programa venres 27 de novembro
- 9.30 h. Recepción de asistentes e robótica en vivo no vestíbulo, con demostracións de empresas e proxectos do alumnado do CIFP Politécnico: un brazo robótico que pinta, outro que repón material nun almacén e dous robots que coordinan a loxística de mercadorías.
- 10.30 h. Benvida, con María Eugenia Pérez Fernández, directora xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia; Francesco Ferro, presidente de euRobotics; Jorgina Díaz, presidenta de HispaRob e José Manuel Carbia Pichel, vicedirector do CIFP Politécnico de Santiago.
- 11.00 h. Mesa redonda Robótica social, con Fernando Fernández Rebollo (Inrobics), Natalia Ñancupil (No Isolation España), Francesco Ferro (PAL Robotics) e Raúl Gómez (Fundación CARTIF). Modera Miguel Ángel Salichs, catedrático da Universidad Carlos III de Madrid. A mesa abordará aplicacións reais da robótica social na educación, na rehabilitación e no coidado de persoas maiores, e como se adapta ás necesidades das persoas usuarias e contribúe á inclusión e ao benestar.
- 12.30 h. Mesa redonda Robótica de emerxencias e seguridade, con Sonia López (Policía Local de Narón), Juan José Canosa, técnico superior en emerxencias de Nordestech, Higinio González (Universidade de Vigo) e Rubén Fraga, bombeiro condutor do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Pontevedra. Modera Jorgina Díaz, presidenta de HispaRob. Cada participante achegará a súa visión sobre situacións reais nas que a tecnoloxía xa axuda nas emerxencias, a formación, as normas e os recursos que necesitan estes servizos e onde debería estar chegando xa a robótica.
- 13.30 h. Presentación do proxecto europeo Robota-SUDOE, sobre robots que manipulan produtos como a carne ou a froita, con Juan Antonio Corrales (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría), Lucio García (CeTeCa) e Daniel Sánchez (AIJU).
- 14.00 h. Clausura
- 17.00 a 19.00 h. Feira de experimentación e robótica, aberta ás familias e ao público en xeral

