Apple anunciou que en só 74 días vendeu un total de 1 millón de unidades do seu teléfono, o iPhone, que actualmente só se pode mercar nos EE.UU. cun contrato coa compañía AT&T, o que supón todo un éxito en vendas, pero que podería ser aínda maior do agardado, xa que tras reducir o prezo do teléfono en 200 dólares as vendas chegaron a triplicarse.
Segundo un estudo de Gene Munster entre Apple e AT&T estaban a despachar 9.000 móbiles iPhone ó día antes da baixada de prezo, e agora as vendas se dispararían ata as 27.000 unidades diarias, aínda que agardan que este incremento non vaia ser sostible (xa que responde á reacción ante a rebaixa) pero que suporá de tódolos xeitos un importante incremento nas vendas.
A liberación do terminal

O funcionamento deste método de liberación non tiña moita credibilidade, polo que se esforzaron en promover a súa seguridade e fiabilidade chegando incluso a publicar un vídeo amosando o proceso de liberación completo para confirmar que tal método funciona, o que tamén levou a un grupo de programadores independentes (entre os que está o popular DVD Jon) a anunciar que están a traballar nun proceso de enxeñería inversa para replicar a solución de iPhoneSimFree e distribuíla de balde fronte ós 50 dólares que están a cobrar actualmente pola solución que desbloquea o terminal (e que parece presentar problemas coas tarxetas SIM que non permiten desactivar a identificación mediante PIN).
A incógnita europea
Pero que a xente teña que recorrer a liberar os iPhone norteamericanos para o seu uso no Vello Continente responde á demora de Apple en facer que o seu móbil cruce o Atlántico, agardándose que a finais de mes anuncie o seu lanzamento presumiblemente en Reino Unido, Francia e Alemaña, aínda que hai outro detalle que tamén está a dar que falar, pois sería a posibilidade de que o iPhone europeo contase con conectividade 3G.
Por unha banda hai rumores de que a operadora O2 está a actualizar o seu software GSM para soportar a tecnoloxía EDGE do iPhone, e por outra, temos que Apple pechou un acordo de patentes con InterDigital que podería ser para a creación dunha versión 3G do móbil (xa que Apple non desenvolve tecnoloxía de rede para telefonía móbil).

No apartado da rumoroloxía tamén se filtrou á web unha imaxe coa aparencia dun anuncio de T-Mobile no que se verían o prezo do iPhone para Alemaña (499 euros) e os prezos dos distintos contratos subscribir para facerse co terminal (que estarían entre os 49,95 e os 69,95 euros/mes) que destacaría tamén por presentar tecnoloxía HSDPA e unha capacidade de almacenamento de 16 Gb, detalles que aínda non ten ningún iPhone anunciado, o que fai dubidar da credibilidade de tal filtración.
Mellorando o iPhone


No capítulo das webs que se adaptan ó iPhone, o lector de fluxos RSS Bloglines xa lanzou unha versión especial a mediados do verán, e esta mesma semana SixApart estreou unha interface para o iPhone que permite empregar a súa solución para a creación de blogs TypePad, o que tamén poderán facer os usuarios de MovableType grazas a un novo engadido para tal plataforma de blogs que para algúns xa será un motivo dabondo para facerse cun iPhone ou un iPod Touch.

