Prince, o cantante de Minneapolis, está a preparar unha serie de denuncias contra YouTube, eBay e Pirate Bay por facer uso desautorizado da súa música.
Durante o anuncio desta drástica medida, o cantante declarou que YouTube non pode dicir que non ten control sobre os vídeos que inclúen no seu sistema por «son claramente capaces de filtrar material pederasta e pornográfico pero parece elixir non eliminar os contidos musicais e cinematográficos que son o núcleo do éxito do seu negocio».
A denuncia contra eBay estaría provocada pola presenza na casa de poxas de multitude de produtos piratas que alí se venden empregando o nome de Prince, que irían dende reloxos ata calcetíns.
Pirate Bay tamén será obxecto das accións legais emprendidas por Prince por ser considerada como unha das webs máis importantes da rede P2P baseada en tecnoloxía BitTorrent, pola que circulan moitas cancións e vídeos do polémico cantante.
Prince declarou que agardaba que as súas accións marcasen «un momento histórico para os artistas musicais na súa loita por recuperar o control dos seus dereitos na Internet».
Prince denunciará a YouTube, eBay e Pirate Bay
Compartir Este Artigo

