A páxina oficial de Google, recolle estes días un estudo sobre o éxito da web española GuiaInfantil.com, por tratarse dun sitio con “contidos de calidade” que non foi creado por un xenio da informática de non máis de 35 anos (como se presume que é o habitual), senón por “unha muller, de 40 anos, cun fillo acabado de nacer e que no momento da creación da web se atopaba no paro”.
Este exemplo de web de calidade descuberta polo xigante de Internet, foi creada hai 8 anos por Vilma Medina, unha xornalista que deixou o seu traballo para dedicarlle máis tempo á súa filla Clara. “Con moi pouco manexo da linguaxe HTML”, esta muller decidiu crear unha web dedicada a saúde e a educación infantil que a día de hoxe sirve 6 millóns de páxinas para un millón de visitantes ó mes.
Un artigo publicado recentemente por Google afirma que este sitio é un exemplo a seguir polos demais asociados á súa rede AdSense, xa que, entre outras cousas, é o responsable de gran parte dos 13.400 millóns de dólares dos seus ingresos en publicidade en 2006.
Medina aprendeu o básico para montar a súa web nun pequeno curso para parados do concello de Tres Cantos (onde reside dende hai 18 anos) e decidiu levar a cabo o proxecto ó darse conta da pouca información sobre saúde infantil e coidados do bebé que había na Rede. Agora a editora de GuiaInfantil.com, xa é toda unha experta en contidos web e asegura que “o mellor xeito de axudar ós emprendedores en Internet é apoiar as comunidades de código aberto, como Linux, Joomla, Drupal ou WordPress, xa que moitas institucións se limitan a subvencionar a adquisición de ordenadores, cando o que fai falla é tecnoloxía libre”.
Nunha entrevista concedida a Google, Vilma asegura que o segredo do éxito desta peculiar web é “organizar moi ben a información” e adaptarse ás necesidades dos pais que acoden a ela para asesorarse sobre todo tipo de temas relacionados cos seus fillos acabados de nacer.
Google cualifica de “exemplar” a web española GuiaInfantil.com
Compartir Este Artigo

