A Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración con EGANET, vén de anunciar a celebración dun seminario de Turismo e Novas Tecnoloxías que se desenvolverá en Santiago de Compostela do 17 ó 19 de outubro.
O devandito encontro, que terá lugar no Pazo de Congresos da capital galega, vai dirixido ao persoal administrativo das distintas administracións públicas e entes privados vinculados coa ordenación, a planificación, a promoción e a comercialización do produto turístico en Galicia.
Os principais obxectivos deste evento son dar a coñecer experiencias polas que, grazas á incorporación das novas tecnoloxías da comunicación, se creou un novo produto turístico ou se outorgou un valor engadido ós xa existentes como por exemplo, aplicacións de mobilidade, xeorreferencia, planimetría dixital, promoción por medio de bluetooth, TDT… así como proxectos que diferentes empresas galegas están a desenvolver neste terreo.
Asimesmo, nas xornadas impartirase formación práctica para mellorar a xestión e a rendibilidade das páxinas web turísticas e abordaranse temas como a xestión en liña dun destino turístico.
Asemade, o vindeiro 19 de outubro, haberá dous obradoiros nos que se mostrará como posicionar un espazo na Internet e como contratar unha web de calidade.
As prazas están limitadas ao aforo da sala e a incripción poderá facerse a través da web da consellería de innovación ou chamando ao número 981 544 865.
Innovación e EGANET colaboran na celebración do seminario Turismo e Novas Tecnoloxías
Compartir Este Artigo

