A revista Foeminas existe na Rede dende hai dous anos e, con este motivo, os seus responsables veñen de facer reconto do acadado ata o día de hoxe (considerando que dous anos, en materia de tecnoloxías da información, dan que para que “moita auga pase por embaixo dunha ponte”). A publicación en liña, que xurdiu ó abeiro do Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes en Mulleres do Concello de Lugo, desenvolveuse ó longo deste tempo atendendo na medida do posible ás posibilidades de participación da nova Internet, a social. Cómpre ter en conta a cifra de lectores acadada: 85.000, en todo o mundo.
De feito, os seus responsables xa teñen dado mostras claras do seu convencemento nas posibilidades de futuro da Rede, á que consideran (malia os aspectos negativos) unha ferramenta aberta e plural. A web Foeminas, que segundo os seus creadores diríxese agora a ampliar os vieiros de comunicación e participación xa abertos e a abrir outros novos, tocou nestes dous anos de vida temas como a situación da muller, os problemas de xénero asociados á desigualdade, a violencia, os abusos ou a criminalidade.
Estas temáticas, reflectidas e desenvolvidas en traballos de todo tipo, poden consultarse na Hemeroteca Virtual do sitio de Foeminas, onde están todos os números publicados dende novembro de 2005 (neste intre está en preparación o 23). As opcións de consulta en liña completáronse neste tempo con variados servizos e ferramentas, incluíndo unha canle virtual en YouTube onde podemos obter información sobre o traballo deste grupo a prol da igualdade.
Foeminas celebra dous anos de vida na Rede dando conta do seu traballo a prol da igualdade
Compartir Este Artigo

