Esta fin de semana pasada foi de intenso traballo para os implicados e implicadas na constitución do Colexio Profesional de Enxeñería de Informática de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia. Para comezar, a reunións dos participantes nas asembleas constituíntes (celebradas o venres e o sábado no Auditorio de Galicia) serviron para elixir representantes (os presidentes e os seus equipos) e para darlle corpo a un bo número de liñas de actividade, estratexias, obxectivos e pasos a seguir.
A este respecto, cómpre sinalar que se tomou a decisión de pór a Fernando Suárez Lorenzo e a Leticia Bengochea á fronte dos dous colexios, respectivamente. Segundo informan os propios órganos acabados de constituír, a cifra de participantes foi sorprendentemente alta, superándose con moito as expectativas.
Para as dúas entidades, este pequeno (gran) detalle é a proba de que a creación das mesmas era máis unha necesidade ca un trámite circunstancial: “O feito de que se superase a cifra de trescentos censados durante o seu nacemento confirma a necesidade que había de contar con estes órganos en Galicia e permite augurarlles un futuro prometedor”, comentou Jesús Rodríguez Castro, presidente da Asociación de Enxeñeiros en Informática (AEIG), promotora da creación dos Colexios.
Polo que respecta ós obxectivos bosquexados nestas reunións intensivas en Compostela (cidade elixida para situar ámbalas sedes), cómpre salientar os seguintes:
· Necesidade de dignificar e regular a profesión dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática.
· Meirande protagonismo en Galiza dentro do eido das novas tecnoloxías da información.
· Meirande participación nos novos plans de estudos das titulacións universitarias co obxectivo de habilitar para o exercicio da profesión e pórlle fin á falta de regulación actual dentro do sector da enxeñería en informática.
· Fortalecemento do compromiso a prol do afianzamento da Sociedade da Información na nosa terra, a nivel de usuarios, de empresas e de trámites e comunicacións coas administracións (Administración Electrónica).
Botan a andar os colexios galegos de Enxeñería e Enxeñería Técnica en Informática co fin de dignificar a profesión
Compartir Este Artigo

