O Parque Tecnolóxico de Galicia, tamén coñecido como Tecnópole, vén de facer reconto do acadado no pasado ano en materia de medre do número de traballadores, evolución económica e ocupación. O repaso dos datos, que se celebrou na mañá deste mércores 16 en compaña do Conselleiro de Innovación (Fernando Blanco), semella un compendio de boas novas e, en consecuencia, azos para o futuro.
Polo menos, isto é o que se desprende do baile de cifras achegado pola Tecnópole: o número de empresas nos terreos do complexo tecnolóxico incrementouse ata 81 (o que significa un aumento do 84% dende 2005) e os ingresos acadados en 2007 foron de 700.000 euros. Este último dato afianza as posibilidades de autonomía financeira do complexo (baixarán as subvencións, posto que se incrementan os ingresos), sendo o ano 2007 o da mellor evolución económica dos últimos dez anos, cun aumento de máis de 100.000 euros respecto de 2006, informou a Tecnópole.
Volvendo ó número de empresas e tocando un tema máis puramente físico, o da ocupación en si mesma, dicir que o parque tamén ten datos ó respecto: neste intre, o 85% das parcelas xa están ocupadas. Esta e outras circunstancias, sinala o Parque, están no xermolo da serie de ampliacións das que será obxecto a Tecnópole, tanto no estritamente físico (pasará de ter 425.187,60 m2 a 939.625 m2) como no eido das actividades e as liñas estratéxicas. Este labor de espallamento, que recibirá 1,5 millóns de euros da Consellería de Innovación, baséase en habilitar novos espazos de aluguer e, entre outras cousas, pór en marcha o Centro de Experimentación de Enerxías Renovables, “unha instalación ó servizo das empresas galegas que precisen testar innovacións en materia de enerxía eólica e solar fotovoltaica”.
Asemade, está programada para este ano que comeza a posta en funcionamento dun novo viveiro de negocio en biotecnoloxía e dunha serie de plans para impulsar as novas tecnoloxías entre as empresas do parque, co fin de contribuír á súa produtividade e establecer modelos a seguir no futuro.
Polo que respecta ó número de traballadores, tamén hai datos positivos: nestes intres traballan na sociedade xestora e nas empresas un total de 1.690 persoas, mentres que en 2005 eran 1.000, o que supón un incremento do 69%.
A Tecnópole fai reconto do mellor ano económico da súa historia
Compartir Este Artigo

