O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, presentou ós medios o Programa IMÁN, tamén coñecido coma Unidade de Captación de Intelixencia Estratéxica, que pretende complementar ó programa IN.CI.TE. na contratación de investigadores altamente cualificados para liderar proxectos estratéxicos para Galicia (en centros tecnolóxicos e de investigación de excelencia, accións estratéxicas ou proxectos de grande alcance).
O Programa contará cunha dotación de preto de 9 millóns de euros ata 2010 e a súa dirección recaerá en Domingo Docampo, catedrático de Telecomunicacións e ex-reitor da Universidade de Vigo, que compatibilizará o cargo coas súas tarefas docentes, apoiándose tamén nun responsable técnico e outro administrativo sitos en Santiago de Compostela.
As primeiras tarefas da unidade consistirán en artellar os mecanismos que permitan pór en marcha a primeira campaña de captación de científicos de renome internacional.
Domingo Docampo dirixirá o Programa IMÁN
Compartir Este Artigo

