Cando unha manifestación ten tras de si un amplo labor de convocatoria na Rede, é de agardar que sexa tamén esta plataforma a principal das elixidas para dar conta dos feitos de aquela e, a maiores, das súas consecuencias. Dito doutro xeito: a Rede galega está a rexistrar estes días unha gran actividade arredor da mobilización Galiza non se Vende, dirixida a esixirlles ás institucións públicas un meirande respecto polo noso medio e a nosa paisaxe. O caso é que a manifestación, celebrada en Santiago onte, tivo un aquel de Internet participativa, coma se a Rede –con todos os seus defectos e virtudes de forma e de feitura- estivese realmente a poñer unha boa parte dos seus recursos ó servizo da sociedade.
Neste senso, e aínda que non sexamos ben conscientes disto, é ben posible que contra os abusos do poder sexan un remedio cada vez máis inmellorable os foros, os comentarios nas webs de información, as redes sociais arredor de vídeos ou imaxes ou os blogs.
Opinións e visións sobre o acontecido, hainas en Internet para todos os gustos e, como soe acontecer neste tipo de casos, oscilan entre o apoio absoluto e a crítica máis radical. Con todo, hai achegas informativas que cómpre salientar, sendo a comunidade de Chuza! a que centra unha boa parte do discurso, ligando asemade coa información que subministra Vieiros, que fai especial fincapé no feito de que se lle dese un toque de atención ó bipartito con esta convocatoria, na que participaron arredor de 10.000 persoas procedentes de toda Galiza e de máis de sesenta colectivos, cada un cos seus obxectivos pero unidos desta volta cunha finalidade común: a de protexer o medio natural.
Sinalar a moi importante achega de imaxes de Xan do Couto (da que ofrecemos unha foto, precisamente, acompañando este texto) ou o resumo dos feitos que presentan as plataformas Verdegaia e Adega. Como xa era de agardar, a informacións das que nos fornecen estes espazos contrastan cos datos dos medios de comunicación, que (como A Voz ou El País), ó facerse eco de datos da Policía Local, rebaixan a cifra de participantes á metade.
Asemade, hai unha importante vaga de información sobre esta mobilización real/virtual en plataformas directamente responsables da posta en marcha da mesma, como Galizanonsevende.org (onde se fai unha escolma das distintas visións do acontecido propostas polos grandes medios) ou Salvemosmonteferro.org, por citar algúns exemplos.
Salientar tamén o labor desenvolvido os días pasados polos colectivos www.sospontedeume.com ou polos espazos web Enclavedepais.info ou Nachefilms.es. Por certo que Movemento pola Base tamén se fai eco hoxe da iniciativa.
Marea de datos na Rede sobre a mobilización Galiza non se Vende
Compartir Este Artigo

