Business Software Alliance, organización que vela polos intereses da industria do software e que opera de observatorio do pirateo, vén de achegar o estudo sobre Impacto do Software Ilegal na Canle de Venda en 2007, desenvolvido pola consultora GFK Emer Ad Hoc Research. O informe, que subministra datos sobre prácticas de copias non autorizadas de programas en todo territorio estatal, tamén ten información sobre Galiza.
Así, segundo apunta BSA, o sector informático galego non é salientable especialmente polo seu respecto á propiedade intelectual destes produtos, xa que (sinala o informe) máis da metade das tendas do sector na nosa terra subministran programas ilegais, vendéndoos e instalándoos. Concretamente, BSA fala do 56% dos puntos de venda, unha cifra alta se a comparamos coa media española, que é do 45,9%.
A investigación, que foi realizada ó longo de 2006 e no primeiro semestre de 2007, serviu para avaliar as prácticas de 1.610 establecementos de todo o Estado, dos que 251 eran galegos. Para a organización BSA, a alta porcentaxe de pirateo na nosa terra é motivo de inquietude: “Preocúpanos seriamente o feito de que copia ilegal sexa unha práctica tan cotiá en máis da metade dos puntos de venda de Galicia, dada a influencia transcendental que os distribuidores teñen como porta de entrada ás novas tecnoloxías da información para a gran maioría das pequenas e medianas empresas”, comenta Luis Frutos, presidente do Comité Español de BSA.
E prosegue: “Existe unha relación moi directa entre a porcentaxe de tendas que levan a cabo esta práctica fraudulenta e a porcentaxe de empresas que usan software ilegal, o que vai en claro detrimento da súa competitividade”.
Polo que respecta ós datos a nivel español, dicir que tampouco destacan en Europa por ser precisamente baixos, xa que se sitúan dez puntos por enriba da media da UE e 12 puntos sobre o promedio dos países europeos do contorno, segundo datos achegados pola empresa consultora IDC.
O 56% das tendas de informática galegas achega software ilegal, di BSA
Compartir Este Artigo

