Enviar spam a esgalla xa é motivo de cárcere. Dito doutro xeito: se nos afeccionamos a enviar correos electrónicos de xeito masivo e co obxectivo de sacar uns cartiños doados pola patilla, cómpre saber que xa hai precedente de axustizamento e, o que é máis preocupante, de cadea. Así o vén de confirmar a Corte Suprema de Virginia, nos Estados Unidos, logo de enviar a prisión a Jeremy Jaynes (que figura nos postos máis altos do ranking Spamhaus que escolma o mellor de cada casa nesta materia) por un delito de subministro indiscriminado de correo lixo.
Segundo informa Galiciae, Jeremy Jaynes (a quen lle acaban de caer nove anos) ten a dubidosa honra de ser o primeiro cidadán daquel país condenado por este tipo de fraude en liña, logo de que fose declarado culpable en 2005 e de tres anos de aprazamento da sentenza grazas ó labor dos seus avogados.
Cómpre sinalar que no xuízo, a acusación chegou a presentar como proba de peso 53.000 correos en liña enviados por Jaynes, un anaco que, malia a súa aparente magnitude, fica ben miúda se temos en conta que se cre que chegou a enviar ata 10 millóns de correos lixo cada xornada entre xullo e agosto de 2003. O seu modus operandi era contundente coma ningún: a máis envíos, máis posibilidades de atopar unha orella que escoitara… e un carteira na que meter os dedos.
Seis anos de cadea para un spammer en Estados Unidos
Compartir Este Artigo

