Finalmente, xa hai gañador no concurso Deseña organizado pola empresa Tórculo co gallo de darlle un pulo á comunicación e á creación gráfica galega, sobre todo a que se está a dar entre a mocidade. Así, o primeiro premio irá dar a mans de Olalla Fernández Álvarez, de Baiona, quen se encargará durante este ano da identidade gráfica da firma convocante. O caso é que nesta primeira edición do certame, do que xa falamos noutras ocasións nesta mesma web, concorreron máis de cincuenta deseñadores noveis, sendo o nivel dos traballos presentados abondo alto.
O tema presentado a tratar foi a creación do logotipo que conmemorase os 25 anos de vida de Tórculo, baixo o lema 25 anos de boas impresións. Segundo informa a empresa compostelá, no xurado deste certame participaron algúns dos profesionais máis relevantes do panorama galego actual das artes gráficas e dixitais e/ou da comunicación, como por exemplo Javier Otero (director de Cadea Ser Santiago), Pepe Barro (Revisión Deseño), Chema Díaz (axencia de publicidade Bap Conde), José Manuel Rei (director de El Correo Gallego) e Fausto Isorna (deseñador gráfico, debuxante e ilustrador).
A entrega oficial do premio celebrarase no vindeiro mes de xullo. O galardón vén dotado cun importe de 3.000 euros.
A deseñadora gráfica Olalla Fernández, gañadora do certame convocado por Tórculo
Compartir Este Artigo

