Unha boa parte dos plans da Consellería de Innovación para poñernos máis preto das redes teñen un nome ben concreto: PEGSI. Falamos do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información, que, entre outras cousas, está a coller corpo nun tecido de aulas espalladas por toda a xeografía do país dende as que se organizan obradoiros e charlas sobre as tecnoloxías do coñecemento (TIC) e se achegan accesos ás mesmas. Estes espazos, que constitúen a chamada Rede de Dinamización da Sociedade da Información, están en boa medida radicados en sedes sociais de colectivos cidadáns co fin de que a Rede lle saía ó paso ós veciños sen necesidade de que a procuren.
Un destes locais é o da Asociación de Empresarias da Coruña, que estes días está a presentar o seu programa de obradoiros tecnolóxicos para os meses de abril e maio. O espazo físico para estas actividades será a aula informática da dita entidade, aberta de luns a xoves de 15.30 a 21.00 “para que calquera persoa se poida achegar ás novas tecnoloxías e facer uso das instalacións”.
Segundo apunta o colectivo, para os vindeiros meses o programa (que xa está en activo dende novembro con obradoiros de achegamento ás novas tecnoloxías) ficaría do seguinte xeito:
· Mecanografía por ordenador (16 horas). Do 11 ó 23 de abril (martes, mércores e xoves de 17.30 a 19 horas) e do 3 de abril ó 29 de maio, os xoves de 10.30 a 12.30.
. Achegamento ás novas tecnoloxías (4 a 5 horas). Do 8 ó 10 de abril. Luns a xoves de 19.30 a 21.
· Iniciación ó tratamento de textos: Word (10 horas). Do 4 de abril ó 9 de maio (venres de 10.30 a 12.30), do 15 ó 30 de abril (luns, martes e mércores de 19.30 a 21.15) e do 28 de abril ó 6 de maio (de 17.00 a 19.00 horas).
· Creación dun blog persoal (6 horas). Do 16 ó 30 de maio (venres de 10.30 a 12.30), do 19 ó 27 de maio (de 17.30 a 19.00) e do 2 ó 5 de xuño (de 19.30 a 21.00).
As actividades están destinadas a calquera persoa interesada en achegarse ás novas
tecnoloxías ou aumentar os seus coñecementos tecnolóxicos, previa inscrición na Asociación de Empresarias de A Coruña, sita na Av. Alcalde Pérez Arda, 53 baixo, a través do número de teléfono 981 297 870 ou no enderezos electrónicos: pilar.acoruna@dinamiza.sociedadedainformacion.eu
e aeco@fega.net.
A Asociación de Empresarias da Coruña comeza a primavera con obradoiros abertos sobre redes
Compartir Este Artigo

