O mítico grupo R.E.M. volve a estar de novo de actualidade na Rede, con motivo da publicación do seu vindeiro traballo discográfico, o moi agardado Accelerate. A concorrencia mediática en liña do grupo de Athens é dobre. Primeiro: dende hai uns días xa se pode ver no Youtube o vídeo que serve de presentación do álbum e no que o cantante Michael Stipe aproveita para ironizar sobre a recente declaración pública da súa homosexualidade, feito ó que (di) se lle dá máis importancia da que ten e onde non se lle debe dar, ou sexa, nos medios dedicados ó lercheo, en troques dos sitios onde a súa confesión pode axudar a todos aqueles e aquelas que viven na represión.
Asemade, a banda está de actualidade porque vén de habilitar en liña o seu novo disco para a libre escoita dos internautas. Podemos facelo aquí.
O obxectivo do grupo: tirar partido da Rede para acurtar o espazo que lles separa dos seus seareiros. Practicamente, só lles falta cantar preto das nosas orellas.
Con todo, os fins desta manobra comercial e promocional (porque, a fin de contas, non deixa de ser unha manobra ligada á promoción, aínda que máis respectuosa cos oíntes) non rematan coa vontade de achegarse ós fans presentes e futuros, senón que tamén se fundamentan na procura de novas feituras de mercado, cada vez máis afastadas de ideas herdadas das casas discográficas máis potentes e, polo tanto, xeralmente máis trosmas e con menor capacidade de movemento e adaptación. Amais disto, se cadra tamén hai un interese por reivindicarse como banda cen por cen responsable da súa música perante o labor cada vez máis rexeitado das ditas discográficas, tal e como conta estes días Agnix na súa web.
Accelerate é o 14º albume en estudio do grupo de Athens, e –como dixemos- xa podemos escoitalo e compartilo na aplicación iLike e máis nas redes sociais Facebook ou MySpace. Esta decisión, que achega a posibilidade de escoitar as cancións de Accelerate unha semana antes da publicación oficial do mesmo en Estados Unidos, é aínda máis salientable se temos en conta que REM, coma antes Radiohead, é unha das bandas máis senlleiras das últimas décadas, polo que o seu movemento cara ó seareiro acada valores especialmente simbólicos e abre novos camiños para outros grupos.
O portal de iLike.com xa está a permitirlles a escoita a todos os seus usuarios rexistrados ó igual que os integrantes das redes sociais como as devanditas e que empregan a anterior ferramenta. Segundo informa estes días EFE, a idea xurdiu dende fóra do grupo pero de contado foi asumida como propia. “Foi unha idea que nos suxeriron e pareceunos ben, así que decidimos apostar por ela”, sinalou Michael Stape na revista Billboard, ó que engadiu unha interesante reflexión sobre como actuar perante os cambios que a música e o xeito de achegala experimentaron nos últimos anos: “Penso que podes aceptalo ou sentar e deixar que ocorra, e eu prefiro estar no campo antes ca nas gradas”.
R.E.M. pon o seu novo álbum na Rede para libre escoita
Compartir Este Artigo

