Cando vivía en Francia, o escritor norteamericano Henry Miller adoitaba a pór en práctica cos seus compañeiros de vivenda unha peculiar estratexia para evitar que ningún ego se sentise máis importante do que en realidade era: chamábanse entre eles por un mesmo nome que sempre se repetía. Isto vén a conto para falar dunha polémica que vén de xurdir (precisamente) nos EE UU e que, partindo da imposibilidade de manter segredos ocultos logo de contarllos á Internet, ten como xermolo unha práctica habitual nos habitantes deste planeta: sentirse especialmente relevantes.
O caso é que así é como se deberon sentir os cidadáns norteamericanos alporizados cun anuncio do vodka Absolut no que se recreaba un mapa de México incluíndo Texas e California. A polémica, reflectida estes días pola Voz, non se tería dado se non mediase a Rede.
A fin de contas, a Internet foi a responsable de poñer perante os ollos dos estadounidenses -finalmente alporizados- a dita publicidade supostamente ofensiva, encamiñada nun principio só ó mercado mexicano.
O caso é que a Rede tamén foi culpable de que o debate cobrase alento. Tanto é así, que a empresa Absolut xa tivo que pedir desculpas pola dita campaña, na que –por certo- se recreaba un mapa antigo coas fronteiras de México a principios do século XIX e que se acompaña do seguinte lema: Nun mundo absoluto (In a Absolut World). A decisión da compañía nórdica de pedir perdón perante os cidadáns de EE UU veu motivada polo xurdimento dunha campaña alternativa na comunidade de internautas norteamericanos na que se pedía o boicot inmediato da firma sueca e dos seus produtos.
Absolut pide desculpas a EE UU por unha campaña publicitaria en liña sobre México
Compartir Este Artigo

