Os buscadores Yahoo! e Google semellan estes días unha desas estrañas parellas que descobren que teñen máis cousas en común das que pensaban, logo de anos de ollarse de esguello. En realidade, o de “estraña parella” vén sobre todo porque se trata de dous buscadores historicamente rivais aínda que case idénticos nunha boa parte dos seus obxectivos. Ou sexa: é coma se o Barça e o Real Madrid estivesen a facerse as beiras. Sexa ou non afortunada a semellanza, o caso é que xa se está a informar dunha achega de tecnoloxía a Yahoo! por parte de Google, concretamente do seu servizo de publicidade. Será só por dúas semanas e a proba non poderá achegar máis do 3% das buscas en EE UU.
Segundo se di en The Wall Street Journal, habería un 3º elemento en xogo: Microsoft, de quen se está a dicir que quere adquirir Yahoo! e que non ve con moi bos ollos un acordo entre grandes buscadores, feito ó que xa cualificou de vulneración da libre competencia.
O achegamento entre Google e Yahoo! sería polo tanto unha tentativa por parte da segunda das firmas de evitar ser mercada polo xigante de Redmond, que emitiu no mes de febreiro unha oferta de compra ó respecto. Mais, que sacaría Google? Segundo se apunta en medios como El País, Google estaría interesada en impedir a entrada en xogo de Microsoft no que ata agora foi un mercado a repartir entre dous, sobre todo.
O acordo entre estes dous buscadores consistiría na inclusión nas páxinas de Yahoo! de anuncios de publicidade contratados por Google (AdSense, na imaxe), co obxectivo de avaliar un posible pacto de cooperación que sexa máis fondo e ambicioso e que axude a Yahoo! a superar a crise na que está mergullada e a Google a poñerlle freo a Microsoft.
Como dixemos, Microsoft non vería con bos ollos un acordo da maneira, tal e como deu a entender nun comunicado. Para o xigante de Bill Gates, un achegamento entre rivais pode traer problemas graves de libre competencia, sobre todo se temos en conta que se trata de dúas firmas que ata o de agora acaparaban o groso deste mercado precisamente cos dous buscadores máis requiridos.
A xuízo de Microsoft, un pacto entre as ditas compañías deixaría en mans de Google practicamente a totalidade do mercado publicitario nos motores de busca en liña.
Yahoo! acorda con Google probar o seu servizo de publicidade en liña
Compartir Este Artigo

