Sabíamos que na Rede se vendía de todo, ata un noivo que xa non cumpre coas súas obrigas, pero semella que o capítulo de cousas, persoas e intanxibles insólitos que se comercializa en liña é o conto de nunca acabar. Isto non tería por que ser negativo (hai un comprador para todas e cada unha das cousas que gardamos no faiado), agás cando se poñen á venda obxectos non precisamente encamiñados a mellorar o mundo nin a calidade de vida das persoas. É o caso do material que vén de descubrirse listo para subhasta en sitios como eBay e que consiste en equipos militares roubados en Estados Unidos.
Entre os equipamentos, que tanto na súa natureza como na súa procedencia a ser investigados polo miúdo pola Oficina de Supervisión do Goberno (GAO), atópanse mesmo cazas a reacción F-14 (dous) xa afastados das forzas armadas ou material para a seguridade e a supervivencia en caso de conflito nuclear ou biolóxico.
Detrás de estes obxectos, sinala a GAO nun informe, figuran sempre identidades falsas, co obxecto de cubrirse as costas no caso de que vaia adiante unha subhasta. En virtude do roubo e a posterior venda dos obxectos no eido internacional, engade o dito organismo, ben puído terse dado unha complexa situación de ida e volta que, a fin de contas, non fai máis que poñer de manifesto (unha vez máis) o absurdo de calquera conflito armado: é ben probable que moito dese armamento vendido no exterior fose empregado logo contra as propias forzas armadas dos Estados Unidos e os seus aliados.
Descobren na Rede máis material bélico roubado a EE UU e listo para subhasta
Compartir Este Artigo

