A fin de estimular a labor de creación dos empresarios, profesionais e outros axentes comprometidos coa Sociedade da Información en Galicia, a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) vén de convocar a quinta edición dos seus premios que, en palabras da organización, “teñen en Internet e as novas tecnoloxías da información a súa razón de ser”.
O prazo de recepción de candidaturas para optar aos galardóns estará aberto ata o vindeiro día 2 de maio e poderán presentarse aquelas empresas, asociacións empresariais, entes públicos, organizacións do denominado terceiro sector (ONGs, asociacións, fundacións…), profesionais e calquera outro organismo ou particular con sede oficial en Galicia que desenvolvan proxectos no eido das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Eganet xa difundiu as bases do premio entre máis de 500 empresas relacionadas coa Sociedade da Información e enviou uns 1.000 correos electrónicos a particulares; pese a todo, aqueles interesados que non recibiron información, aínda poden consultar as bases e acceder ao modelo de solicitude na páxina web oficial dos Premios da Asociación. Tamén poden obter máis información enviando un correo electrónico a premios@premioseganet.com ou chamando ao teléfono 981 936 331.
Os Premios Eganet 2008 contemplan un total de 9 categorías máis un premio especial:
.Premio E-emprendedores
.Premio Software Libre
.Premio Cultura Dixital
.Premio Comunicación Web Empresarial
.Premio Sociedade Web
.Premio Aplicación on-line
.Premio E-Commerce
.Premio Publicidade online
.Premio Tecnoloxía Accesible e Segura
Engádese ás anteriores categorías o Premio Especial Eganet, que a asociación outorga ao proxecto, entidade ou personalidade galega que, desde a última edición do certame, se teña esforzado en dar a coñecer e impulsar a realidade galega no contorno tecnolóxico e de Internet e que, así, contribúa a promover as novas tecnoloxías e a Sociedade da Información na nosa terra. Neste caso, non se reciben candidaturas, senón que será a entidade quen elixa directamente o premiado ou premiada.
O acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro 22 de maio no Hotel Monumento San Francisco en Santiago de Compostela.
Eganet abre a convocatoria para participar na quinta edición dos seus premios
Compartir Este Artigo

