Fálase moito da Administración Electrónica, aquela que se interrelaciona cos cidadáns a través de ferramentas que liberan ós segundos de longos trámites e de desprazamentos (amais de favorecer a participación destes no eido público), pero non se fala tanto da dixitalización do tecido empresarial, se cadra porque as súas vantaxes afectan a colectivos máis reducidos: os clientes e os traballadores da propia empresa.
Con todo, hai iniciativas neste senso que semellan de meirande alcance. Como por exemplo a posta en marcha pola empresa galega (con sede en Vigo) Sotronic, que vén de constituírse como a segunda do Estado en obter a homologación da Axencia Tributaria para achegármonos unha realidade: a oficina sen papeis. Isto que significa? Pois basicamente que a dita firma ten entre mans un programa que posibilita nas empresas meirandes aforros en materia de espazo, tempo e esforzos económicos, apoiándose sobre todo en canles e procesos que fagan doado o difícil: a dixitalización de todo tipo de documentos.

Para Sotronic, o feito de ter recibido a dita homologación garante que estes procesos de conversión ó dixital e que os documentos resultantes teñan “total validez xurídica” a efectos de inspección fiscal.
Para Estela Lareo (na imaxe), directora comercial de DIN, este sistema é aínda máis importante logo da entrada en vigor do Regulamento de Desenvolvemento da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD), que amplía as obrigas, en materia de protección de datos, a aqueles documentos rexistrados en papel (a protección de datos ata o de agora só afectaba ós arquivos dixitais).
DF-SERVER xa está presente en máis de 50 empresas de Galiza e leva comercializándose dende xaneiro de 2007. Para as firmas responsables do produto, é moi importante subliñar a súa achega na protección do medio ambiente, ó reducir considerablemente a cantidade de papel que se consume nun negocio calquera.
Facenda certifica as vantaxes do software da galega Sotronic, idóneo para dixitalizar oficinas
Compartir Este Artigo

