A compañía de baixo custo, Vueling, vén de converterse na primeira empresa aérea española que lles permite aos seus clientes adquirir pasaxes de voo a través do teléfono móbil. Este servizo vai estar dispoñible a través do portal Vueling Mobile (moi semellante ó antigo vueling.com) que permite procurar e mercar billetes de avión directamente dende terminal.
Os clientes deste servizo tan só precisan un teléfono móbil con capacidade para conectarse a Internet e que sexa WAP 2.0. A URL de acceso ten similar feitura á de Internet: m.vueling.com. Os usuarios que aposten por empregar este novo servizo recibirán a confirmación do seu voo a través dunha mensaxe SMS na que se detallará a ruta e horarios escollidos así como o número da confirmación.
A modalidade de pago é a mesma que en Vueling.com: mediante tarxeta de crédito ou débito, coa vantaxe de que se poderán facer as reservas comodamente sen necesidade de estar na casa ou na oficina.
Vueling.com é a principal canle de comercialización da compañía con preto do 75 por cento das vendas totais. O resto corresponde a axencias de viaxes, centro de atención de reservas e venda directa no aeroporto.
Segundo datos ofrecidos pola devandita compañía, “a media de visitas á súa web foi de máis de 410.000 no pasado mes de marzo” e segundo o ranking de Alexa (firma dedicada á medición de tráfico das páxinas web), vueling.com “é a páxina web máis visitada do sector do turismo en España”.
Haberá que agardar un tempo para saber se a nova web para móbiles vai ter a mesma sorte (e facturará o mesmo) que a súa antecesora convencional, pero o que está claro é que a revolución do marketing pola rede e polo móbil está a subir como a escuma.
Vueling oferta billetes de avión a través do teléfono móbil
Compartir Este Artigo

