Se cadra unha boa parte dos internautas que andaron algunha vez polo eMule tiveron dúbidas sobre as súas vantaxes. Certo: permite compartir cancións e películas ás que doutro xeito non se podería chegar. Pero tamén é verdade que moito do que circula por esta rede vale moitísimo menos có lixo (este, polo menos, recíclase). Filmes porno ás acochadas, xente que devece por dar a coñecer a súa música e faise chamar polo nome de artistas coñecidos, virus, infeccións, programas espía, cancións incompletas… a listaxe eternízase. Porén, poucas veces se ten rexistrado algo tan fóra de lugar como o rexistrado pola Policía Local de Ourense na dita rede p2p: un fluxo de 11.300 historias clínicas, 4.000 das cales se corresponden a casos de aborto.
A pregunta que nos podemos facer é a seguinte: a quen lle pode interesar compartir esa información? Segundo El País, o problema é doutra índole, e se eses historiais estiveron durante certo ó alcance de calquera non foi por un interese premeditado senón por algo tan sinxelo como non poñerlle un valado á información que non interesaba compartir.
Ou sexa: que se deixou a porta aberta do disco duro a disposición de calquera (porque niso se basea unha rede p2p, nunha chea de portas abertas en ordenadores con acceso a Internet e nas que todos os que integran a rede poden petar). Así, a orixe estivo case con toda probabilidade nun desleixo ou ben nunha falta de coñecemento tecnolóxico, ou ben en ámbalas dúas circunstancias. Isto fixo que a información dun centro médico de Bilbao quedase ó descuberto e sen valar.
Consecuencia: a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vén de sancionar á clínica cunha suma de 150.000 euros. Segundo o devandito xornal, o centro non quixo achegar declaracións, pero os seus responsables xa aseguraron previamente perante a AEPD que non tiñan coñecemento de como o ficheiro fora dar á Rede á vista de todos os internautas. Entre os ficheiros atópase información tan delicada como a que se refire á interrupción voluntaria do embarazo de centos de mulleres.
Como dixemos, os datos foron localizados no eMule pola Policía Local de Ourense. Segundo informa El País, o devandito corpo está a velar especialmente pola privacidade e pola seguridade dos datos na Internet. De feito, foron os policías da cidade galega os que advertiron de posibles infraccións en todos os expedientes abertos en Protección de Datos ó longo de 2007.
A Policía de Ourense localiza no eMule 4.000 historias clínicas de abortos
Compartir Este Artigo

