A Rede é sen dúbida un acontecemento estraño: multiplícanse as posibilidades de ficar no anonimato entre tal maré de información pero tamén as opcións de adiantarse a todos os demais usuarios. Por dicilo doutro xeito: o que teoricamente leva as de perder na vida real, pode rexurdir na Internet e facerse forte. Isto é aplicable a todo o que nos rodea, e o pequeno e mediano comercio non é unha excepción.
Pensemos en aquilo que afecta ao sector en Galiza de xeito máis negativo: os grandes centros comerciais e os seus maiores recursos para promoverse. Como facerlles fronte? A fórmula semella a da cooperación. Pero hai un segundo compoñente que é como poñerlle unhas asas ó primeiro: o uso da Internet. Así o entende o pequeno comercio de Marín, que aplicou unha ferramenta da empresa galega Cibervisión Networks para poñer en marcha un centro comercial en liña e que vén de presentar a súa primeira campaña virtual, unha estratexia específica dirixida a conmemorar o Día da Nai e potenciar, asemade, o comercio local da dita vila.
A iniciativa, que vai encamiñada a achegar a unhas 500 persoas todo tipo de propostas e suxestións (doces, cosméticos, ceas, xoias, libros, flores, etc) con respecto á devandita festividade, será a primeira dunha longa serie de campañas feitas para a Rede: a volta ó colexio, o Nadal, a Noite Vella, etc.
A idea desta proposta en concreto é precisamente a de fortalecer a través de virtual as posibilidades de negocio do comercio de Marín de cara ao Día da Nai, facendo unha vez máis emprego da tecnoloxía da dita firma Cibervisión, con sede en Pontevedra.
Métodos en liña de gañar en competitividade
Das actividades de Cibervision Networks (CVN) xa puidemos falar con motivo da celebración do Salón MIT de Lugo, onde os seus responsables nos puxeron ó tanto do que representa a súa proposta Centro Comercial Urbano: en trasladar ó eido en liña os elementos dun modelo clásico de complexo comercial, pero engadindo o ingrediente clave, as vantaxes que achegan as novas tecnoloxías. É precisamente o caso de Marín do que falamos máis arriba un exemplo da aplicación práctica da ferramenta.
O resultado desta aplicación en concreto: un espazo web que aglutina o comercio desta localidade pontevedresa e dálle azos fronte ás grandes cadeas, cada vez máis presentes nas nosas vilas e cidades.
A solución, que é de balde para calquera asociación ou colectivo durante o primeiro ano, está (segundo informou a Código Cero o equipo responsable) a espertar o interese da Federación Galega de Comercio e tamén da Confederación de Empresarios de Lugo. A idea do portal é a seguinte: ofrecer na Rede o mesmo ca un centro comercial pero coa comodidade de ver e procurar todo tipo de produtos e mesmo de mercalos a distancia, dende calquera recanto do mundo.
Cómpre sinalar que ó Centro Comercial Urbano non só se podería acceder a través da Rede, senón que tamén integra tenda virtual para dispositivos móbiles como PDAs.

