O Albergue Xuvenil de Gandarío na Coruña vén de dar acollida, na pasada ponte do 1 de maio, a unha Xuntanza de Mozos e Mozas Investigadores que organizou o Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas, I.N.I.C.E Galicia, para reunir a xente nova deste eido procedente de distintas zonas de España.
Nesta xuntanza, estudantes chegados de Estremadura, Euskadi, Asturias, Castela e León e Galicia, presentaron os seus traballos de investigación perante os asistentes, “que amosaron un gran interese polos distintos temas expostos”.
De entre tódolos expostos, os proxectos máis destacados foron os relacionados co medio ambiente e co desenvolvemento sostible, temas que, pola súa actualidade, non deixaron a ninguén indiferente.
O compromiso do director nacional de I.N.I.C.E., Juan Ruiz Barrionuevo, que asistiu á inauguración, é “manter esta actividade en Galicia con periodicidade anual”, o que lle abre ós mozos e mozas investigadores galegos a posibilidade de participar en actividades deste tipo no estranxeiro e poder así coñecer outras iniciativas e a outros mozos e mozas coas mesmas inquedanzas.
Éxito da Xuntanza de Mozos Investigadores na Coruña
Compartir Este Artigo

