Unha boa parte das actividades deste ano encamiñadas a conmemorar as Letras Galegas veñen desenvolvidas dende a actividade conxunta do asociativo e do institucional co fin de afianzar o noso no mundo. É o caso do wiki Nomes-galegos.info, un proxecto en liña do colectivo Fillos de Galiza que está a contar coa axuda da Consellería de Innovación en labores divulgativos. O obxectivo, como o seu propio nome indica, é constituír unha fonte de recursos aberta as 24 horas e accesible dende calquera recanto do planeta sobre os nosos nomes. Algo así como unha Wikipedia da antroponimia galega dispoñible para lembrarlles ós demais (e a nós mesmos) como nos chamamos.
A posta en marcha da iniciativa, que como todo wiki que se prece vai ficar en constante actualización e desenvolvemento, coincide de maneira significativa coa celebración das Letras, de Internet e das Telecomunicacións, o 17 de maio.
Neste intre xa podemos ver no espazo en liña arredor dun milleiro de nomes galegos de muller e home, incluíndose datos como as orixes, as equivalencias e demais. Asemade, Fillos de Galiza concorre na dita celebración con outro proxecto en liña: Debulla.info, un xestor colectivo e de tipo folksonómico de favoritos (bookmarks) que a xuízo dos seus responsables ben podería ser definido como unha sorte de Del.Icio.Us en galego. Neste intre xa podemos acceder a través deste servizo a todo tipo de recursos e informacións de índole social, cultural ou ecolóxica.
Mentres se redactaba este texto tivemos ó noso alcance xogos como World Without Oil (para imaxinar un mundo non que non hai petróleo), resumos de proxectos ambientais (como Climántica, da Xunta) ou todo tipo de artigos de especialistas internacionais na cuestión da defensa da natureza.
Fillos de Galiza lanza un wiki con nomes de galegas e galegos para celebrar o 17
Compartir Este Artigo

