O Grupo Elogia especializado en “marketing 360º” vén de anunciar que o vindeiro 16 de maio terá lugar en Mondariz un seminario de novas tendencias do marketing interactivo, orientado a dar a coñecer as novidades que nos últimos anos se están a producir no mundo da comunicación, sobre todo en Internet.
O evento, que fusionando as sonoridades xaponesa e norteamericana como referentes da innovación no sector se fai chamar TEKU´08: The Exclusive Knowledge Update 2008 (A exclusiva Actualización de Coñecementos 2008), ten como público obxectivo aos responsables de promoción e publicidade das grandes empresas do noroeste peninsular e centrarase sobre todo en dar a coñecer o modo no que Internet está revolucionando a comunicación das empresas cos seus clientes.
Segundo os responsables da devandita compañía, “prevese que este ano en España, Internet se sitúe como o terceiro medio en importancia, só por detrás da televisión e dos xornais” polo que este seminario centrará os seus relatorios en explicar ao tecido empresarial as tendencias máis acusadas e imprescindibles deste tipo de marketing en todas as súas vertentes, en especial o fenómeno da Web 2.0.
Asemade, neste mesmo evento, daranse a coñecer os resultados do estudo anual Elogiómetro, efectuado cun panel de 1.000 empresas de tódolos sectores e perfís do país, e que achega unha visión “precisa e detallada” abonda do nivel de uso concreto e tendencias de adopción das diversas ferramentas de promoción en liña actuais.
O ano pasado, Elogia xa celebrou encontros semellantes de formación e networking en Barcelona e Madrid, aos cales asistiron preto de 500 representantes da clase directiva empresarial.
Este exercicio, o seminario terá lugar primeiro en Galicia e logo en Barcelona e Madrid.
O encontro desenvolverase pola mañá e incluirá unha comida para favorecer as relacións sociais entre os profesionais (networking) e, posteriormente, aproveitando as instalacións do prestixioso Balneario de Mondariz, un circuíto termal.
Elogia afonda en Mondariz nas novas tendencias do marketing interactivo
Compartir Este Artigo

