A Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) vén de anunciar que a vindeira edición dos seus cursos e seminarios de verán xirarán arredor da temática das redes sociais, un fenómeno en crecemento constante que gañou o seu lugar en Internet chegando a converterse nun recurso case imprescindible para os negocios e sobre todo para os encontros humanos en liña.
Os asistentes a estes cursos, englobados no proxecto UIMP 2.0, empregarán ferramentas como os blogs, as Wikis ou os contidos multimedia a través de Flickr ou YouTube entre outros, a fin de poñer en práctica unha rede social educativa entre profesores e alumnos na que “xerar o debate e o intercambio de ideas”.
Asemade, os usuarios da UIMP 2.0 contarán cun espazo en liña ao que poderán subir as súas fotografías, vídeos e expoñer as súas opinións e pensamentos, que estarán abertos ós comentarios dos visitantes.
Nesta primeira experiencia, a UIMP traballará en cinco seminarios piloto, con temáticas como o arte románico, as tecnoloxías na Enxeñería Asistida ou o terrorismo e os dereitos humanos.
Nos vindeiros días, os organizadores dos cursos ampliarán a web 2.0 a outros dous encontros relacionados co canon dixital e coa visión do papel da muller na ciencia; deste xeito, os devanditos sete cursos converteranse “no xerme desta práctica innovadora que se estenderá de xeito progresivo á totalidade da programación da UIMP”.
Esta Universidade xa conta tamén cunha Rede Social Xeral de Coñecemento na que tódolos interesados (estean ou non matriculados nos cursos de verán) poden crear grupos de discusión e debate do tema que escollan.
Para acceder á UIMP 2.0 é preciso rexistrarse a través da páxina web oficial da Universidade. Unha vez rematado o curso, alumnos e profesores poderán seguir participando nestas actividades de socialización en redes deseñadas pola UIMP, xa que quedarán habilitadas para subir información sobre novos cursos ou conferencias de carácter complementario á temática do curso realizado.
A UIMP traballará arredor das redes sociais nos seus cursos de verán
Compartir Este Artigo

