IPBrick, a empresa galega de solucións informáticas para servidores de rede, vén de presentar no Consorcio da Zona Franca de Vigo o IPBrick, unha alternativa (a xuízo da firma, “pioneira en Europa”) ós sistemas de xestión de comunicacións americanos.
Este software, desenvolvido en sistema a partires de Linux, é unha ferramenta que se instala no servidor de calquera empresa para albergar os servizos de Intranet e comunicacións do mesmo xeito que calquera organización típica, pero unificados, co que a empresa traballa cun único provedor informático reducindo así os custes e mellorando o servizo de comunicación.
Deste xeito, operando dende o servidor dun xeito tan doado como pode ser a navegación nunha páxina web, o usuario ten a través do seu ordenador chamadas telefónicas IP, servizo de centraliña telefónica, envío de faxes, acceso ó correo electrónico da firma ou mensaxeiría instantánea, entre outros moitos servizos.
A principal característica do IPBrick, “que á vez é a súa principal vantaxe competitiva”, é o seu menor custo de propiedade, que se reflicte non só no prezo da compra senón tamén en outros aspectos como o uso, o mantemento ou a formación. Isto débese, segundo os seus creadores, a que se leva a cabo sobre software libre e funciona con calquera sistema operativo que teñan instalados os ordenadores en rede con ese servidor. Neste senso, aseguran, “a redución de custo en relación a outras aplicacións do mercado pode ser ata cinco veces menor”.
Entre as empresas que xa empregan esta aplicación podemos nomear, entre outras, Telefónica I+D, Intel, Telefónica Solutions, Academia Postal, Inmobiliarias Remax, as sedes de UXT de Madrid e de Aragón e a enxeñería aeronáutica SwiftAir.
A aplicación tamén foi exportada a outros países como Australia, Francia, Malaisia, Angola, Alemaña, Brasil ou Portugal.
Unha firma galega lanza un software de comunicación pioneiro en Europa
Compartir Este Artigo

