A exposición itinerante Galiciadixital, que percorreu dende o pasado mes de setembro trece concellos galegos, recibiu un total de 16.825 visitas nas localidades de Santa Comba, Cervantes, Chantada, Catoira, Silleda, Allariz, Foz, Arzúa, Muxía, Noia, Padrón e Castro Caldelas.
Esta exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Comunicación, ten como obxectivo achegar o audiovisual e os multimedia á cidadanía e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais realizados por empresas e institucións galegas.
Na recepción de visitantes destacaron os concellos de Chantada, con 1.800 visitas, o de Foz, con 1.795, o de Noia, con 1.630, o de Padrón, con 1.560 e Castro Caldelas, con 1.585.
Como xa temos dito noutras ocasións, esta exposición itinerante é unha réplica da exposición permanente Galiciadixital situada no Mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela e desta volta, tamén foi de balde acceder achegarse ata ela.
Ó longo de tódalas edicións nas que a exposición visitou distintas localidades de Galicia, esta xa foi visitada por 450.000 persoas, unha cantidade que se vai incrementando a grandes pasos a medida que pasa o tempo.
A organización de Galiciadixital quixo lembrarnos que se trata dunha “innovadora exposición interactiva” baseada en producións virtuais e multimedia de primeira liña realizadas en Galicia e na que veñen traballando máis de 100 persoas procedentes de empresas do eido audiovisual e das Universidades galegas.
Os contidos da exposición, que se renovan e amplían constantemente, foron deseñados por empresas e entidades públicas de Galicia, polo que neste senso, Galiciadixital vén de converterse nun “escaparate das creacións galegas máis avanzadas”.
Os visitantes desta mostra itinerante puideron, por un intre, “afondar nunha atmosfera especial que nos amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons” que envolven ós que se achegan nunha “experiencia nova, audiovisual e multimedia”.
Galiciadixital recibe máis de dezaseis mil visitas dende setembro
Compartir Este Artigo

