Unha boa parte dos medicamentos que se vende nos mercados son, como moitas das previsións sobre o quecemento da terra, tomados á lixeira. Seguimos a inxerilos se hai problema de saúde á vista, e damos por sentado que nos van facer ben, cando é máis ca probable que a unha boa parte do que comercializa a gran industria farmacéutica haxa que collelo con pinzas. O caso é que para axudarnos a andar cun pouco máis de tino con estes produtos vense de pór en marcha un proxecto chamado Prospectos.net e que, como o seu propio nome indica, vai dirixido a escolmar na Rede a gran maioría das instrucións de manexo dos medicamentos (polo menos dos máis importantes e dos de meirande presenza no mercado español).
A idea, da que se dá conta en Chuza! e máis en Genbeta, é botar man dunha ferramenta coma a Rede para crear un gran libro de prospectos que case che saia ao paso sen que case o busques, co que en parte estaría solucionado o problema da ausencia física do papel das instrucións (sempre e cando teñamos a Rede a man, claro). Para acceder a esta base de datos temos dous vieiros. Por unha banda empregando o buscador e, pola outra, ollando a listaxe na que se achan todos os que están dispoñibles na web. Polos dous camiños chegaremos logo á ficha completa do medicamento onde se nos achega información de indubidable valor neses intres en que dubidamos da comenencia dun fármaco concreto. A web en cuestión non lle dá as costas ás posibilidades sociais da Internet (2.0), polo que deixa marxe para os nosos comentarios e opinións, e para compartir experiencias con outros usuarios (ficando aí a posibilidade de colaboración).
Poñen en marcha unha escolma en liña de prospectos farmacéuticos
Compartir Este Artigo

