A web que veñen de pór en marcha investigadores da Universidade Carnegie Mellon non é que sexa o remedio para poder xustificar con máis e mellores argumentos a nosa posible afección sen conto polos vídeo xogos, pero pode botarnos unha man. Sobre todo de cara a esa escena do ámbito familiar pola que todo seareiro ten pasado algunha vez e que comeza cunha porta que se abre e cunha frase que ben pode algo así: “Ah, xa vexo como te aplicas cos estudos”. O caso é que a web Games With A Purpose (Xogos Cun Propósito) vai encamiñada –como o seu propio nome indica- a darlle ó feito de xogar un fin máis ou menos transcendente alén da pura actividade de lecer. En realidade, do que se trata é de contribuír á ciencia, co que aínda se reforzaría máis o noso posible argumento de contraataque perante unha chamada de atención coma a devandita. Algo así: “Non xogo porque si, fágoo a prol da investigación e da calidade de vida”.
A web, posta en marcha como dixemos por científicos da Carnegie Mellon (concretamente da Facultade de Informática) está aínda en fase de desenvolvemento (como case todo o que se fai hoxe na Web), pero xa conta con catro achegas para írmonos poñendo ao día nisto do vídeo xogo social.
· Squigl (un xogo para trazar os contornos de obxectos en imaxes e aprenderlles ás computadores a ver e identificar eses obxectos de xeito máis doado).
· Matchin (aquí os xogadores xulgan cal das imaxes que hai en pantalla é máis atractiva e trátase dun programa feito para permitir que as buscas de arquivos visuais poidan achegar mellores resultados).
· Tag a Tune (neste xogo os usuarios describen cancións de xeito que os computadores fagan procuras de música empregando datos que non sexan os títulos, dándolles marxe ás operacións por xénero).
· Verbosity (este é un xogo de coñecemento encamiñado a amorear datos para o uso en iniciativas de intelixencia artificial).
Cómpre sinalar que Games With a Purpose achega certas posibilidades de xogo interesantes: é posible xogar en equipo, en liña, e uns contra outros e, segundo os seus creadores, trátase de propostas ante todo divertidas. A idea é animar aos humanos a facer o que as máquinas non teñen maneira de levar a cabo, polo menos polo da gora. Hai xogos para mellorar a imaxe da Rede, as buscas de arquivos e para traballar tamén a prol das funcionalidades da robótica. Tamén, mentres manexamos esta web con todo o que ela achega, contribuímos a quitarlles ás computadores os veos que ata o de agora lles impedían facer algo tan natural e necesario como ver e identificar as cousas que teñen diante.
Gwap.com: a web de xogos que nos permite axudar a que os robots vexan
Compartir Este Artigo

