Dar conta dunha viaxe pola Rede non é nada novo. Hai tantos cadernos de bitácora vinculados a un itinerario físico e/ou interior que rara vez conseguen espertar interese alén das amizades máis próximas e dos familiares máis directos dos implicados. Hai que botar ingredientes extra para salientar na maré de información viaxeira en liña (e aínda así tamén é probable que as túas aventuras provoquen algo semellante a un bocexo unánime). O que está máis ou menos claro é que na aventura posta en marcha por tres rapaces de Madrid para chegar nada máis e nada menos que a Mongolia cun Seat 127 de 900 cc do ano 1979 hai uns cantos “ingredientes extra”.
E máis se temos en conta que serán 15.000 quilómetros de distancia os que se lles presenten, traxecto abondo como para crebar o motor de moitos coches acabados de saír da fábrica, e que a finalidade desta viaxe e do seu blog (que dá sentido en certa maneira á viaxe) é contribuír a unha causa solidaria na propia cidade de Ulán Bator, capital do dito país asiático.
A achega destes tres rapaces de Madrid (liderados por Enrique Ruiz e concienciados da necesidade de aproveitar un intre da súa vida, o deste vindeiro verán, no que coinciden nunha ausencia de obrigas laborais e formativas), non será a única. De feito, a idea é participar no Mongol Rally, un acontecemento social en Inglaterra que parte da cidade de Londres e que cruza Europa e Asia para doar logo os coches ao orfanato de Nairamdaal.
No caderno en liña destes tres rapaces (chamado La aventura de Órdago a Chica) dásenos de conta de todos os detalles que atinxen á carreira e á súa finalidade, amais dos consabidos pormenores sobre a posta en marcha desta iniciativa en concreto: sobre o coche (un automóbil de máis de 30 anos que deveu xa de carne de chatarra a peza de coleccionismo), sobre o nome da proposta (o de “órdago” e “chica” son termos do xogo do mus que aluden a que coa pequena tamén se gaña) e sobre a mecánica do asunto (os preparativos do coche, os visados, as vacinas, as inscricións no rali, etc).
A idea, que non lle escape a ninguén, é empregar o blog tamén para acadar repercusión nos medios e, tamén, para obter apoios e patrocinios para a viaxe. Tendo en conta que o coche en cuestión merece todos os apoios que se lle dean e que se trata dunha causa de tipo solidario, se cadra é ben lícito que usen o blog de tarxeta de vista corporativa.
Participantes no Mongol Rally dan conta nun blog da súa viaxe de 5.000 kms nun Seat do 1979
Compartir Este Artigo

