Semella que xa hai data para un novo paso das administracións locais encamiñado a facernos un pouco máis doado o que moi poucas veces é prato de gusto: os nosos trámites con elas. Segundo vén de apuntar a directora xeral de Administración Local, Begoña Rodríguez Rumbo, será en 2009 cando por fin poderemos falar de administración electrónica nos concellos, e non dun servizo parcial (como ata o de agora en moitos casos) a través do que só era posible levar a cabo un número limitado de operacións e de comunicacións. Dito doutro xeito e para que se entenda: no prazo dun ano, segundo os datos da Xunta, estaremos en disposición de facer todo o papeleo e as consultas pola Rede, sen necesidade de movernos nin de facer ringleiras, e contando con recursos de mantemento da confidencialidade e a seguridade abondos.
Con esta finalidade, coa de ir preparando os alicerces cara a esta situación, a Dirección Xeral está a levar a cabo tres grandes accións: un estudo completo da situación de todos os concellos para habilitar métodos de actuación e dotacións específicas, o desenvolvemento dunha plataforma informática que permita as relacións administrativas Xunta-Concello de xeito telemático (a distancia) e, por último, dotar a todos os consistorios galegos do equipamento informático para acadar finalmente a administración dixital e, en consecuencia, as bases dunha cidade dixital en toda regra.
Cales serán, amais dunha meirande comodidade para os cidadáns, as principais consecuencias desta nova orde do labor público vinculado á Internet? Pois basicamente as seguintes: rematarase por fin co gasto (ecolóxico, material, económico) que supón a gran cantidade de papel que decote se imprime para as comunicacións entre os cidadáns e os concellos e, asemade, potenciarase en boa media o labor de divulgación das novas tecnoloxías a través dunha utilidade ben definida para todos os galegos e galegas.
A Xunta sinala que todos os concellos serán dixitais antes de que remate 2009
Compartir Este Artigo

