Innovación achega máis de dous millóns de euros para o desenvolvemento de Cidades Dixitais e Peme Dixital A Consellaría de Innovación e Industria vén de anunciar que, entre este ano e o vindeiro 2009, vai achegar 1,1 millóns de euros para o desenvolvemento do programa Cidades Dixitais que se enmarca no Plan Avanza, levado a cabo polo Ministerio de Industria en colaboración co Goberno Galego.
A achega do devandito Ministerio para este proxecto será de 1.270.245 euros mentres que os concellos aportarán a cantidade restante que ascende a 521.454 euros.
O organismo autonómico será o encargado de executar os instrumentos precisos para acadar os obxectivos do Programa Cidades Dixitais Electrónicas así como de levar a cabo a convocatoria pública de selección de cidades ou entidades locais no caso de que se opte por asinar acordos de colaboración cos concellos.
En liñas xerais, os proxectos e actuacións financiables deste período vanse centrar nos servizos e aplicacións de Administración electrónica, nos servizos dixitais dirixidos a cidadáns e empresas do ámbito local e na formación e difusión en materia de novas tecnoloxías.
Por outra banda, Innovación vén de anunciar que o Consello da Xunta autorizará a subscrición doutra addenda ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do programa Peme Dixital, tamén no marco do Plan Avanza e en virtude do cal a Consellaría achegará 1,22 millóns de euros para o seu financiamento.
Asemade, o Ministerio de Industria achegará para esta iniciativa un total de 1.807.784 millóns de euros que, xunto cos aportados polo organismo autonómico, servirán para incrementar o grao de adopción das TIC nas pequenas e medianas empresas galegas e para incrementar a implantación do negocio electrónico (incluíndo en particular a implantación da factura electrónica).
Innovación achega máis de dous millóns de euros para o desenvolvemento de Cidades Dixitais e Peme Dixital
Compartir Este Artigo

