Cada pouco chegan ó noso correo electrónico estudos que avalían o resto do correo, concretamente aquilo que poderíamos cualificar sen dúbida algunha como “auténtico lixo”. As novidades a este respecto son poucas. Ou sexa: segue a haber spam. Deste xeito, todo o mundo ten a súa propia cruz á hora de verificar a bandexa de entrada cada mañá, nada novo (por outra banda) con respecto ó correo tradicional (o de papel), que é cada vez máis insubstancial (os carteiros de hoxe semellan xa, e que ninguén se ofenda, mensaxeiros de bancos e operadoras de telefonía). Leas aparte, a gran novidade dunha investigación como Estudo sobre a situación, natureza e impacto económico e social do correo electrónico spam que vén de presentar INTECO para España reside basicamente nos números.
É dicir, que entre outras estatísticas de interese se rexistra un claro incremento da porcentaxe da palla nas nosas contas de correo con respecto á presenza do gran: entre o día 1 de xaneiro e o 11 de marzo de 2008, a través de 14 servidores, identificouse o 84,6% das mensaxes que corrían pola Rede como puro e duro lixo informativo. Na imaxe, un lixo en liña moi común: o dos anuncios da pílula azul.
A base do estudo, que é a primeira edición do que se prevé unha serie longa (e cada ano), non é desprezable: 92 millóns de correos avaliados. O informe, que sitúa a España como un dos principais produtores de refugallos vía Internet (concretamente no posto 10º do ranking de emisión de lixo epistolar no virtual, e moi preto de seguir subindo chanzos), tamén detecta de onde provén o groso do spam que circula na Rede: entre Estados Unidos, China, Corea do Sur e Rusia repártense máis da metade do mesmo.
A investigación tamén lanza algunhas posibles respostas a este incremento de correo lixo: hai máis internautas (polo tanto, máis tentativas de calotes e estafas diversas en liña e máis posibles vítimas) e o número de redes de computadores infectados que fan de palestras de envío de correos (e sen que o usuario teña constancia de nada) tamén sufriu un considerable aumento.
O correo lixo, amais de infectar ordenadores ou servir de anzol para posibles roubos, tamén afecta xa ao funcionamento das empresas, roubándolle tempo aos traballadores, que, segundo o dito estudo, xa dedican entre 2 e 4 minutos da súa xornada laboral a eliminar o spam, o que se traduce nun custe económico ligado a cada empregado (con conta de correo) por valor de 179 euros.
Só arredor do 15% dos correos da Rede teñen algún tipo de valor
Compartir Este Artigo

