Xa o levan anunciando hai tempo e agora é o Manolo Gago no seu blog quen o confirma: The Times vén de facer público o seu arquivo. O caso é que neste exemplo concreto de aproveitamento das posibilidades da Rede (este acerto de The Times por permitir que a Rede faga o que de outro xeito non podería facerse) non estamos a falar dun arquivo calquera: no seu miolo hai escolmados 200 anos de historia, dende 1785 ata 1985. Coa posta en marcha desta iniciativa, accesible nun espazo web que ten unha liña do tempo como columna vertebral e sobre a que podemos viaxar para obter datos relevantes, a xogada semella dobremente vantaxosa: para The Times, que tira proveito do que ten e seguramente incrementará as visitas, e para os internautas, que gozan xa do luxo de ver o pasado máis recente a través dun xornal que, en certa maneira, tamén é historia en si mesma.
A web habilitada inclúe feitos históricos salientables como guía, posibilidades de enviar e salvar artigos de interese e un máis que completo arquivo de imaxes, entre outras cousas. Lembrar que The Times é un dos xornais máis antigos do mundo, saído do prelo no Reino Unido en formato broadsheet durante os seus primeiros 200 anos de historia e logo (a día de hoxe) con feitura de tabloide. Actualmente, é a única publicación na súa liña do dito país que ten unha nómina de subscritores e lectores en aumento.
Os primeiros 200 anos de The Times, en aberto na Rede
Compartir Este Artigo

