A organización Amnistía Internacional ten tras de si unha importante traxectoria na loita a prol dos dereitos humanos e a liberdade de expresión en todos os recantos do mundo, non só nos que soen levar a etiqueta de “en vías de desenvolvemento”. Con todo, hai eivas que cómpre superar no eido da comunicación da dita entidade cos seus afiliados, voluntarios ou donantes, como vén de sinalar a CiberImandade da Fala na súa web. Falamos da teima de Amnistía Internacional (AI) por non ter en conta na súa presenza na Web que no Estado español houbo e hai máis linguas ca unha.
Tendo en conta isto, e tendo en conta sobre todo o importante labor de AI na Internet (a web recibe cada mes un bo número de visitas), a CiberIrmandade solicita a axuda da comunidade internauta de Galiza para pedirlle á dita ONG a inclusión do noso idioma, do catalán e do euskera no apartado do sitio dedicado á sección española e máis nas campañas e correos electrónicos que subministre aos seus socios e colaboradores.
“Cremos que unha organización como AI”, sinala a CiberImandade, ”non debería de ter maior problema, nin polos valores e principios que defende, nin polos recursos que se lle supoñen, en satisfacer os dereitos lingüísticos das distintas comunidades do Estado”.
A CiberImandade pídelle á Amnistía Internacional a inclusión do galego na súa comunicación en liña
Compartir Este Artigo

