A Rede semella moi grande, pero non é tanto. Polo menos, esa é a impresión que dá se pensamos nas ferramentas e nos recursos que usamos ao longo do día. Unha infinitésima parte do que hai. Isto pódese aplicar a todos os xéneros de páxinas web, mesmo aos buscadores (sobre todo aos buscadores, con Google acaparándoo todo). Este enleada vén a conto para falar dunha web encamiñada a servir de ponte entre os escritores e os seareiros da literatura, seguindo dalgún xeito o ronsel deixado polos net label da música, nos que se minimiza o factor “intermediario” en favor dun contacto máis directo, e sobre, todo, menos custoso para o consumidor final. Falamos desta volta de Publicatuslibros.com, unha web na que calquera usuario da Rede pode publicar as súas novelas, ensaios ou poemarios pero que (certamente) o vai ter difícil para competir con Lulu e máis con Bubok, dous servizos xa consolidados que se están a repartir, a día de hoxe, case todo o pastel da literatura en liña.
Sexa como sexa, bazas non lle faltan a Publicatuslibros.com, un espazo que non é novo (xurdiu en 2004 en Xaén) pero que vén de superar xa a liña das 100 obras achegadas, acontecemento que se celebrou coa publicación da obra 6 encuentros con Dalí. Segundo se conta en Baquia.com, todas as obras se poden descargar de xeito libre en formato pdf, correndo os gastos de maquetación e de engadidura ó catálogo do dito servizo a conta do autor do libro (50 euros). A páxina, que ten o castelán como lingua principal (aínda que tamén é posible acceder a obras en inglés ou alemán), ofrécelles aos autores varias vantaxes: deseño exclusivo da portada do libro, difusión dixital e labores de promoción. A web complétase cun apartado para dar a coñecer fotos, pinturas e esculturas.
Publicatuslibros.com: selo de Rede ceibe de intermediarios para chegar o máis preto posible do lector
Compartir Este Artigo

