A costa galega está en perigo. Quen non queira ou poida velo (porque se ve a simple vista) pode consultar o último informe de Greenpeace ao respecto publicado na súa web. Un dos enclaves naturais que máis está arestora na picota é o de Corrubedo, no concello de Ribeira, ata hoxe non moi urbanizado pero con case todos os indicadores apuntando cara ao mesmo sitio: cara a unha recalificación que saque á Laxe-Brava da Rede Natura para así deixar vía libre á chegada dunha planta acuícola cunha superficie de 315.000 metros cadrados. A iniciativa, a piques de coller corpo, está estes días a atopar accións claras de rexeitamento, desenvolvéndose unha boa parte delas na Rede e a través dela. Unha das máis salientables e que máis relación directa ten co problema de Corrubedo é que preparan a Cofradía da Dorna de Ribeira e o colectivo Pau da Luz para o día 6 de xullo, domingo.
Trátase dunha convocatoria en liña (na web da entidade pódese obter máis información e formalizar as inscricións) coa que se quere animar ás galegas e galegos a mobilizarse a través dunha carreira popular “deportivo-festeira” a desenvolver na zona do Corgo.
O obxectivo desta actividade en concreto: defender a costa galega (non só a de Laxe-Brava, aínda que tamén) do que a Cofradía cualifica de “mal entendido progreso” e un pacto entre as empresas que destrúen máis do que fan (neste caso unha parte importante as piscifactorías) e as institucións públicas que consisten. Neste senso, a Cofradía teno ben claro: quen consinte é a Xunta.
Podemos atopar máis información sobre este caso concreto de costa en perigo e doutros semellantes en sitios web como o de Adega (onde se dá conta da carreira do domingo e se informa entre outras cousas sobre mobilizacións activas contra a instalación de máis piscifactorías e urbanizacións), no de Galiza non se vende ou no de A Ría non se vende (colectivo que traballa en contra de que se siga a contaminar unha das zonas de costa máis contaminadas do Estado: a Ría de Vigo).
A Cofradía da Dorna convoca na Rede unha carreira para salvar Corrubedo
Compartir Este Artigo

