A pasada fin de semana o xornal El Progreso informou dunha operación policial nas instalacións da tenda de videoxogos luguesa Disco Azul por mor da venda na mesma de modchips e discos SwapMagic para PlayStation 2, imputándose a 7 traballadores da compañía un suposto delito contra a propiedade intelectual baseándose no artigo 270.3 do Código Penal, o que sorprende especialmente porque no pasado mes de marzo xa falamos dunha sentenza xudicial da Audiencia Provincial de Valencia na que se considerou que este tipo de dispositivos que permite a utilización de xogos copiados en consolas de videoxogos teñen outras utilidades (como o uso de xogos importados, a reprodución multimedia ou a execución de software caseiro) polo que non constituirían delito segundo o mencionado artigo do Código Penal, que afecta a quen «fabrique, importe, poña en circulación ou teña calquera medio especificamente destinado a facilitar a supresión non autorizada ou a neutralización de calquera dispositivo técnico que se utilizase para protexer programas de ordenador» (ou sexa, que ter un crack dun programa sería ilegal, mentres que un programa que permite a copia de CD non o sería).
A investigación a Disco Azul iniciouse por mor dunha denuncia presentada por Sony e ADeSe, o que non impide que a tenda continúe a súa actividade con normalidade (tanto no seu establecemento físico como na Internet), e incluso sorprende que se continúen a realizar investigacións deste tipo en vista da xurisprudencia existente, posto que no único caso semellante do que temos coñecemento que rematou en sentenza condenatoria os acusados copiaban e distribuían xogos e películas copiadas ilegalmente.
Cómpre sinalar que os argumentos empregados en contra da intervención policial refírense á aplicación do Código Penal, que é a canle que están a empregar certas entidades para perseguir a piratería, pois de recorrerse ao Código Civil os resultados poderían ser moi diferentes (normalmente se limitaría a unha sanción económica e a incautación das copias realizadas sen consentimiento do posuidor dos dereitos de reprodución correspondentes, no caso de existir).
Operación policial contra a piratería de videoxogos nunha tenda luguesa
Compartir Este Artigo
