
A nova norma evitaría entre outras cousas que os cidadáns tivesen que achegar unha copia do DNI ou o certificado de empadroamento, xa que o órgano responsable da tramitación poderá comprobar a información requirida por vía telemática. Tampouco será preciso achegar documentos xerados pola Administración autonómica nos últimos 5 anos, xa que se poderá acceder aos mesmos electronicamente, aínda que no caso de manexarse algún dato de carácter persoal será precisa a autorización previa do interesado.
Portelo Electrónico 24×7
A Xunta de Galicia tamén abrirá ao cidadán a posibilidade de presentar escritos e comunicacións por vía electrónica a través do Portelo 24×7, que estará dispoñible as 24 horas dos 7 días da semana como ben indica o seu nome (exceptuando os días inhábiles publicados no Diario Oficial de Galicia). Os documentos validaranse xuridicamente pola sinatura electrónica da persoa e xerarán un asento no rexistro telemático da Xunta, pasando posteriormente á consellaría correspondente que se fará cargo da súa tramitación ou contestación.
