O atentado etarra tivo pouca repercusión na blogosferaO III Congreso de Novo Periodismo de Cáceres coincidiu no tempo cun atentado de ETA na Universidade de Navarra, o que deu pé a un debate no que se discutía sobre o xornalismo cidadán, dándose a entender que o fenómeno está menos implantado do que se podería pensar no pasado, pois hoxe mesmo puidemos ver como na Internet apenas había información sobre un acontecemento moi achegado á xente da rúa fóra dos medios tradicionais, permanecendo case invisible en blogs (en Technorati aparecían só 8 blogs sobre o tema, mentres que no buscador de blogs de Google a meirande parte dos resultados correspondían a medios de comunicación que contaban con sindicación de contidos, en vez de a blogs reais), Flickr (as imaxes que atopamos correspondían a un medio de comunicación peruano), Twitter (con contadas excepcións) ou as redes sociais. Os propios medios informativos buscaron a participación cidadá con moi pouco éxito, evidenciando a súa perda de poder de convocatoria (aínda que tamén se podería xustificar pola falta de retorno deste tipo de colaboracións), aínda que nos acontecementos de hoxe resulta desolador contemplar como un suceso nun campus non que se imparte unha licenciatura en Comunicación Audiovisual non conta coa atención de futuros xornalistas (que deberían estar a empregar a Rede como reforzo á súa formación e experiencia). Isto contrasta coa mobilización que causaran outras catástrofes coma o atentado do 11-M ou a vaga lumes que asolou o monte galego en 2006. ¿Cansou o público de exercer de xornalista cidadán?