Malia as estatísticas pouco favorables en xeral acerca do noso desenvolvemento tecnolóxico con respecto ás medias europeas, semella que dende determinados organismos galegos se quere ir avanzando con firmeza no camiño de darlle a volta aos números. Este, entre outros, é o gran obxectivo do consorcio formado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), o Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo e a empresa Aldaba, agrupación empresario-investigadora que vén de dar a coñecer algúns dos principais datos do seu proxecto en común chamado iSEC (Infraestrutura de Sinatura Electrónica Cualificada). Entre a información achegada apúntase a inminencia dun importante pulo para investigación galega en materia deste tipo de rúbrica dixital de última xeración.
Máis polo miúdo, a investigación levada a cabo tras máis de dous anos de traballo colaborativo (cofinanciado polo Goberno central e a Consellería de Innovación) constitúe o exhaustivo estudo, deseño e desenvolvemento dunha Infraestrutura de Sinatura Electrónica Cualificada. Este novo software, indican fontes da dita Consellería, está baseado sobre a tecnoloxía de Infraestrutura de Xestión de Privilexios, a plataforma de validación de Certificados para múltiples Autoridades de Certificación e unha Autoridade de Selado de Tempo que utiliza varias fontes de tempo como o GPS ou a rede nova satelital Galileo.
O programa desenvolvido, entade o departamento da Xunta, permite a súa doada inclusión en aplicacións que necesitan control de autorización así como o ámbito de xestión corporativo.
Aplicación
Segundo informa polo miúdo a Consellería de Innovación, implantación do DNI electrónico, a tecnoloxía de sinatura electrónica poderá dar un salto significativo para o seu emprego na prestación de servizos dixitais seguros e confiables. Non obstante, a tecnoloxía incluída no DNI electrónico só permite a identificación do asinante pero non o cargo, autorización ou rol dentro dunha institución. É por iso que o proxecto ISEC abordou o desenvolvemento dunha infraestrutura orientada á prestación de servizos de valor engadido ás empresas e institucións que permita:
· A Certificación de Rol como complemento necesario da certificación de identidade. O devandito mecanismo permite reflectir no proceso de sinatura (e validar nunha verificación posterior) a identidade do asinante e o rol no que exerce esa sinatura.
· O selado de tempo como mecanismo de protección básico. O devandito mecanismo permite reflectir no proceso de sinatura (e validar nunha verificación posterior) que un documento xa existía nun instante temporal concreto.
· A verificación de forma sinxela e fiable dos dous elementos anteriores.

