A Unión Europea vén de aprobar de xeito definitivo a normativa que imporá unha redución de ata o 60% no prezo das mensaxes de texto a móbiles enviadas dende o estranxeiro a partir deste mes de xullo, data que marcará un antes e un despois no eido das comunicacións a nivel continental: logo dese intre, nos sairá menos caro enviar unha mensaxe a un país europeo ca dentro de España. En cifras, a situación quedará así: para os que anden pola Unión Europea adiante, o custe por SMS será dun máximo de 11 céntimos, sendo a día hoxe a media comunitaria de 29 céntimos (40 en España). Unha das grandes consecuencias destas regulacións, a xuízo da Unión, terá que ver co fluxo turístico de cara ao verán: o turismo favorecerá a comunicación de calidade e viceversa, en boa medida grazas ao acougo que achega o saber que non haberá facturas das que dan gañas de cancelar o servizo de móbil.
Amais, as medidas aprobadas polo organismo europeo tamén inclúen unha rebaixa sobre as chamadas. En base a isto, as empresas terán que cobrar aos usuarios por segundo a partir dos primeiros 30 segundos, treito ao que terán a facultade de aplicar un cargo mínimo.
Rebaixa do 60% no prezo das mensaxes a móbiles
Compartir Este Artigo

