O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, vén de anunciar que o seu Departamento vai aprobar un total de 17 novos proxectos dentro do Plan Avanza2, que mobilizarán 8 millóns de euros, para propiciar e mellorar o acceso da muller ás novas tecnoloxías.
Durante a súa intervención nunha xornada parlamentaria no Congreso dos Deputados sobre Igualdade na Sociedade do Coñecemento, o ministro explicou que esta nova partida buscará “propiciar a creación, mellora e impulso das redes de mulleres”.
Asemade, o seu departamento tratará de favorecer a realización de experiencias dirixidas á capacitación da muller na xestión telemática, promocionar o autoemprego, o teletraballo e o espíritu empresarial das mulleres.
Pese a que, en palabras do ministro, “aínda queda moito por facer nesta materia”, o certo é que hoxe en día hai nove millóns de mulleres que acceden a Internet, fronte aos catro millóns que había en 2004.
De feito, o titular de Industria mostrouse convencido de que Zapatero “pasará á historia por este compromiso”, para o que se debe continuar insistindo na importancia da plena inclusión das féminas do país na sociedade da información.
“Sabemos que a sociedade da información ten que xogar un papel determinante, polo seu carácter transformador e polo seu potencial produtivo”, continuou, “que temos que aproveitar como ferramenta contra a crise e para o cambio de modelo produtivo”.
Por todo iso, Zapatero púxose como obxectivo, segundo afirmou Sebastián, “garantizar a igualdade no acceso ás novas tecnoloxías e loitar por disminuir a fenda dixital de xénero”.
O Goberno inviste forte para diminuír a fenda dixital de xénero
Compartir Este Artigo

