As novas tecnoloxías da información, aínda agora, son para un boa porcentaxe dos nosos maiores pouco máis que grandes descoñecidas. A clave para solucionar esta falta de sintonía está en poñerlles diante as utilidades prácticas de aquelas. De entre todas, hai unha que semella ter un carácter de definitiva: a facilidade que achegan para a posta en marcha de proxectos que sirvan para mellorar a súa calidade de vida. Así, o traballo que están a desenvolver dous grupos da Universidade de Vigo (o grupo de Tecnoloxía da Información, GTI, da EUET de Telecomunicións e o de Didáctica da Actividade Física, DE3, da Facultade de Ciencias da Educación) ten algo máis que un compoñente claro de innovación en si mesma: ten un aquel de normalización dixital para a terceira idade que é o complemento ideal para o primeiro. É o seu altofalante, e a importancia do proxecto é dupla se tempos en conta a realidade galega: un país especialmente envellecido.
Máis polo miúdo, o traballo de ámbolos dous grupos consiste en ter desenvolvido un sistema de control da actividade física das persoas maiores a través de elementos intelixentes. Segundo conta a Universidade de Vigo, para o funcionamento do sistema cómpre o uso dun acelerómetro (dispositivo para informar das condicións dun exercicio concreto) e un teléfono móbil como interface. Estes elementos permitirán entre outras cousas comunicar en tempo real datos sobre o programa de exercicios que un usuario leve a cabo baixo o control e supervisión dun profesional.
Segundo explican os responsables da iniciativa, o acelerómetro estaría inserido no móbil, sendo o teléfono en cuestión a porta de entrada ao sistema (coa vantaxe de que se trata dun trebello relativamente ben aceptado entre os maiores) e, tamén, a peza que achega converxencia. En palabras de Vicente Romo (na imaxe), director do grupo DE3, o teléfono posibilitaría un control personalizado de cómo cada usuario leva o seu programa. O adxectivo “intelixente” incluído na dita descrición do desenvolvemento vén a conto pola súa capacidade de corrixir erros e ata de aprender. Así, a ferramenta bota man de certas características de funcionamento do cerebro humano para adquirir experiencia, sumala e logo empregar eses datos para avaliar de xeito máis certeiro a un usuario.
Os equipos desenvolvedores do sistema, alén dos aspectos puramente técnicos, salientan en todo intre a importancia social que achega para unha realidade que está a moi poucos metros do seu centro de traballo: Galiza é un dos países máis envellecidos do mundo, cunha taxa do 20% de maiores de 65 anos, sendo a de España do 17. A iniciativa, malia estar aínda en período de probas, ten perfectamente definido cara a onde se dirixe: cara a dar respostas aos requirimentos sociais do noso país a través de tecnoloxías postas en marcha dende aquí, máis accesibles e adaptables. Segundo conta a Universidade de Vigo, o sistema foi presentado con éxito no Congreso Internacional de Málaga e máis nas segundas Xornadas de Biomedicina da Universidade.
Por certo que os equipos traballan arestora na súa mellora e miniaturización. Con todo, xa houbo froitos que recoller: segundo conta Romo, “os sistemas máis sofisticados do mercado teñen un custe de 600 euros e nós conseguimos facer un por 20 e que funciona mellor”.
A Universidade de Vigo desenvolve un sistema intelixente de control do exercicio para persoas maiores
Compartir Este Artigo

