Ineo, a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, aínda ben non rematou de mostrarlle ao empresariado galego todo o que as TIC poden facer polas súas empresas e xa se está a embarcar nunha nova iniciativa a través da cal poñer as novas tecnoloxías a disposición de toda a sociedade.
Desta volta, a entidade vai presentar a súa Guía de Solucións TIC deste ano, nun acto que terá lugar mañá venres 26 de xuño ás 12:00 horas, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela.
Ao acto están convocados os empresarios e os representantes das principais asociacións empresariais de todos os sectores produtivos de Galicia, os cales comprobarán, de primeira man, que as TIC lles poden aportar solucións á medida para mellorar en produtividade e competitividade.
Esta Guía de solucións TIC de Ineo, na que aparecen tódalas empresas que formaban parte da asociación no momento da súa edición, foi elaborada a modo de ferramenta básica e útil para axudarlle a todo tipo de empresas, sexa cal sexa o seu sector e estrutura, a diagnosticar as súas necesidades en materia de novas tecnoloxías e coñecer as solucións dispoñibles para cada caso.
Coa edición desta Guía, Ineo, unha vez máis, está a ofrecerlle aos seus socios “un vehículo para a promoción no mercado e para o acceso a novas oportunidades de negocio”, á vez que, segundo afirman os seus responsables, “cumpren co obxectivo de promover a implantación e o aproveitamento das Tecnoloxías da Información e a Comunicación por parte dos distintos sectores empresariais”.
A Guía será distribuída a través das confederacións empresariais galegas, os colexios profesionais, cámaras de comercio, administracións e principais asociacións de empresas de todos os sectores.
Os interesados en asistir a esta presentación, na que participarán como relatores o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros, o director comercial da empresa Visual Publinet, Roberto Pérez Marijuán e o director territorial de ECONET, Octavio Pernas, entre outros, deberán confirmar a súa asistencia previamente no correo ineo@ineo.org, ou chamando ao teléfono 902 905 510.
A finalización do acto está prevista para as 14:00 horas, momento no cal os asistentes poderán tomar un viño español e comentar o que dou de sí a xornada co resto dos convidados.
Ineo presenta en Santiago a súa Guía de Solucións TIC
Compartir Este Artigo

